¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

miércoles, 4 de enero de 2017

tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2017 e se procede á súa convocatoria.

ORDE do 23 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2017 e se procede á súa convocatoria. 

 O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23 asígnalle á Comunidade Autó- noma a competencia exclusiva en materia de asistencia social. A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, como un dos obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, garantirlles o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas. A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establece no seu artigo 6, como principio reitor da actuación dos poderes públicos de Galicia, o apoio e a protección da familia como medio de transmisión da vida e como ámbito privilexiado para o desenvolvemento persoal; recoñece como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións. Pola súa vez, os estudos máis recentes sobre a evolución dos principais indicadores demográficos e as previsións dun continuado decrecemento da súa poboación sitúan Galicia ante un problema estrutural de importantes consecuencias económicas e sociais e, polo mesmo, ante un horizonte demográfico sobre o que é necesario actuar. Acadar a revitalización demográfica e o recambio xeracional convértese nun obxectivo urxente e imprescindible para a sustentabilidade económica e social e por iso a Xunta de Galicia, desde o ano 2013, veu recollendo este desafío en sucesivos documentos de planificación que culminaron na instauración da recuperación demográfica como un principio transversal a todos os eixes de actuación do Goberno autonómico que leva a cabo o Plan estratéxico rexional Galicia 2015-2020, onde se recolle ademais un paquete integral de medidas para avanzar no obxectivo de crear en Galicia un ambiente social favorable para vivir, para formar unha familia e para que cada quen poida ter os fillos e fillas que desexe. Neste contexto, a finais do ano 2015 a Administración autonómica pon en marcha o Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa de carácter integral e con vocación de permanencia no tempo. A tarxeta Benvida forma parte deste programa e está encamiñada a paliar o custo comporta o coidado dos fillos e fillas no primeiro ano de vida. A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no Proxecto de lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 2 de decembro de 2016. De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. O obxecto desta orde é regular os requisitos e o procedemento de concesión dunha axuda económica ás familias con fillas e fillos nados no ano 2017 a través da tarxeta Benvida. Con esta axuda preténdese contribuír a sufragar os gastos derivados da crianza durante o primeiro ano de vida. Esta tarxeta poderá ser utilizada soamente en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia. Deste modo, a axuda contribuirá a que as familias poidan atender os maiores gastos que supón o nacemento, derivados da adquisición de produtos básicos para o neno ou nena, como, entre outros, leite e outros alimentos infantís, cueiros, produtos de hixiene infantil ou produtos farmacéuticos. Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normativa de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

 Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos, RESOLVO: 

Artigo 1. Obxecto 1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2017 teñan un/unha fillo/a, adopten ou estean en situación de garda con fins adoptivos dun neno ou nena menor dun ano e proceder á súa convocatoria. 2. Esta axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.

 Artigo 2. Financiamento 1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 18.000.000,00 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1, distribuído en dúas anualidades, dos cales 9.000.000 euros corresponden ao ano 2017 e 9.000.000 euros ao 2018. 2. O crédito final resultante destinado a estas axudas poderase incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo. 

Artigo 3. Persoas beneficiarias Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos: 
 
a) Ter fillas ou fillos, tanto por natureza como por adopción, nados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017.

 b) Estar en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017. Artigo 4. Contía da axuda Con carácter xeral, a contía total da axuda será de 1.200 euros a razón de 100 euros/mes durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla. A axuda comprenderá, nos supostos de fillos ou fillas por nacemento, os primeiros doce meses de vida do neno ou nena nado/a no ano 2017 e no suposto de adopción ou situación de garda con fins adoptivos, o dereito á percepción da axuda producirase desde o mes en que se emita a resolución administrativa ou xudicial e ata que o neno ou nena cumpra un ano. 

Artigo 5. Requisitos 1. Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

a) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que da documentación presentada se poida deducir que isto non é así, poderáselles requirir para que presenten a documentación complementaria que o demostre.

b) Que a renda per cápita da unidade familiar, sumadas a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro, da declaración do imposto da renda das persoas físicas (en diante, IRPF) do ano 2015 non supere os 45.000 euros. No suposto de que esta contía sexa superior, a renda per cápita, entendida como a suma das bases impoñibles xeral e do aforro dividida polo número de membros da unidade familiar, non deberá superar os 13.500 euros. Nos casos en que non se teña realizado a declaración do IRPF do ano 2015, os ingresos serán os que resulten dos datos que figuren en poder da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), de conformidade co disposto no artigo 8.1 desta orde, aos cales se lles restarán os gastos deducibles. Entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s e mais: 
1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente. 
2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada. 
3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %. 4º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos. No suposto de non convivencia das dúas persoas proxenitoras se unha delas asume en solitario o sustento da unidade familiar (familias monoparentais segundo o disposto no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia), a renda da que non contribúe non será computada sempre que se acredite documentalmente a dita circunstancia. 2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. 3. Todos os requisitos recollidos neste artigo deberán reunirse no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes. 

Artigo 6. Solicitudes e documentación 1. A solicitude formalizarase no formulario normalizado que figura como anexo I desta orde e que estará dispoñible na guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo: http://www.xunta.gal/resultados-da-guia-de-procedementos, de acordo co establecido no artigo 7. 2. As solicitudes (anexo I) irán acompañadas da seguinte documentación: 
a) Copia do libro ou libros de familia da unidade familiar ou, de ser o caso, as certificacións correspondentes expedidas polo Rexistro Civil. b) Certificado de empadroamento conxunto da persoa solicitante e da/o nena/o que dá dereito á axuda. c) Anexo II debidamente cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non apareza como solicitante, se é o caso. d) Copia da resolución xudicial/administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, só no caso de denegar expresamente a súa consulta ou cando se trate de situacións non formalizadas na Comunidade Autónoma de Galicia. e) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de non denegar expresamente a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. f) Copia do DNI ou NIE da persoa proxenitora que non apareza como solicitante das axudas, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. g) Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas do ano 2015 da persoa solicitante e da proxenitora que non apareza como solicitante, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta ante a Axencia Estatal da Administración Tributaria. h) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno-filiais dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, de ser o caso. No suposto de familias monoparentais, a documentación anterior poderá substituírse pola copia do certificado administrativo de monoparentalidade, sempre que conste nel a filla ou fillo polo que se solicita a axuda, só no caso de denegar expresamente a súa consulta ante a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica ou que sexa expedido por outra comunidade autónoma. 
3. Na solicitude (anexo I) deberá figurar, con carácter obrigatorio, un teléfono móbil para efectos de activar a tarxeta Benvida. A activación será efectiva unicamente desde o número de móbil que se faga constar na solicitude. 4. No suposto das solicitudes presentadas por vía electrónica, deberá presentarse unha copia dixitalizada dos documentos indicados nos puntos anteriores. Artigo 7. Lugar e prazo para a presentación das solicitudes 1. As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4. da Lei 39/2015, do 1 de http://www.xunta.gal/diario-oficial-galicia outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma establecida no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. 2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produza o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento. No suposto de garda con fins adoptivos ou de adopción entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día en que se ditou a resolución. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. 3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación recollida no artigo 6, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Artigo 8. Consentimentos e autorizacións 1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación. 2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución. 3. A presentación da solicitude comportará a autorización á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para solicitar as certificacións de estar ao día nas súas obrigas que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda tal e como establece o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. No caso de denegar expresamente a súa consulta deberán achegar os certificados correspondentes. 
 Artigo 9. Procedemento de concesión e resolución das axudas 1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. As axudas tramitaranse por un procedemento abreviado en que o órgano instrutor lle formulará ao órgano concedente a proposta de concesión tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención. 2. A resolución destas axudas correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación do conselleiro de Política Social, no prazo de tres meses contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas. 3. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución se o acto é expreso, e se non o é, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contenciosoadministrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. 4. As notificacións que se practiquen nos procedementos habilitados nesta orde realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As notificacións electrónicas só poderán efectuarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público, salvo que estea obrigada a relacionarse a través de medios electrónicos. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electró- nica dispoñible a través da sede da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como o acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite e continuarase o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo. A notificación da resolución de concesión de axuda realizarase conforme o disposto nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Artigo 10. Compatibilidade Sen prexuízo do establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as prestacións reguladas na presente orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada. 

Artigo 11. Instrumentación da axuda A instrumentación da axuda efectuarase a través da entrega da tarxeta Benvida, que se expedirá a nome da persoa solicitante. A Consellería de Política Social remitirá as tarxetas ás familias coa carga inicial e con instrucións para a súa activación e informaraas das condicións de uso. A tarxeta será recargada mensualmente durante o período de vixencia de acordo cos límites cuantitativos establecidos no artigo 2 e terá un período máximo de vixencia de 12 meses desde o mes de nacemento do fillo ou filla, transcorrido o cal no poderá ser utilizada. En todo caso, non poderá ser usada máis alá do 31 de decembro de 2018. A Consellería de Política Social conveniará cunha entidade financeira para que colabore na xestión da axuda. Esta entidade terá a consideración de entidade colaboradora de conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e estará suxeita ás obrigas sinaladas no artigo 12. Polas características da colaboración a entidade que resulte seleccionada estará exenta de constituír as garantías a que se refire o artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. 


Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias As persoas beneficiarias das axudas obríganse, ademais de observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, especificamente ao seguinte: a) A comunicar calquera variación que se produza na situación familiar que poida dar lugar á perda da axuda. b) A responsabilizarse e cumprir as condicións de uso establecidas para a tarxeta Benvida e a destinala exclusivamente á finalidade para a que foi concedida. c) A comunicar a perda, roubo ou extravío da tarxeta á Consellería de Política Social. d) A someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. e) A comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. 

 As persoas beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Artigo 13. Xustificación da subvención Tendo en conta que as axudas previstas nestas bases se conceden en atención á concorrencia nas persoas beneficiarias da situación prevista no seu artigo 1, de acordo co artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se requirirá a rendición da conta xustificativa regulada nese artigo, sen prexuízo, en todo caso, da necesaria acreditación da situación que xustifica a concesión da subvención previamente á súa concesión e o cumprimento das obrigas materiais e formais establecidas nestas bases. Artigo 14. Revogación da prestación Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devindicados, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Artigo 15. Información A información relativa ao procedemento que regula a prestación económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2017, poderase obter nos seguintes enderezos da internet http://politicasocial.xunta.gal, http://www.familiasgalegas.org e https://sede.xunta.gal, así como no teléfono 012.

Artigo 16. Protección de datos De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal Os datos relativos ao nome, apelidos e número de teléfono móbil serán comunicados á entidade financeira colaboradora, encargada da carga e recarga das tarxetas coa finalida de que esta poida tratalos e utilizalos para emitir, estampar e gravar a correspondente tarxeta prepagamento, así como para a realización das operacións e procesos relativos á activación e xestión desta, incluíndo o envío ao número de teléfono móbil dunha mensaxe SMS informándoo do PIN, da activación e das recargas que, de ser o caso, se efectúen. Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Disposición adicional segunda. Infraccións e sancións As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño. 

Disposición adicional terceira. Publicidade das axudas 1. As axudas económicas concedidas non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006.


 2. Non obstante o anterior, en cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación. Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias Apróbase a delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.  Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde. 

Disposición derradeira segunda.Entrada en vigor 


Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2016 

José Manuel Rey Varela Conselleiro de Política Social.